Saturday 18 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño prevé destinar arredor de 200.000 euros á reparación da galería do pazo


O Concello de San Sadurniño ten reservados 200.000 euros de fondos propios para acometer unha actuación de restauración e mellora da eficiencia enerxética no antigo Pazo da Marquesa, hoxe casa consistorial. A finalidade da intervención será, por unha banda, reparar toda a estrutura respectando materiais e deseño e, por outra, asegurar que esta parte do edificio tan característica axude a reducir os custes en calefacción. O Concello xa contactou con Patrimonio de cara a obter as directrices necesarias para preparar o proxecto e, posteriormente, contratar os traballos en base ao orzamento resultante.

A partida económica para a reparación da galería quedou aprobada nun pleno extraordinario celebrado a finais de outubro que levaba entre os puntos da orde do día a incorporación ao orzamento municipal de cerca de 360.000 euros para investimentos, provenientes dos remanentes económicos cos que pechou o exercicio anterior.

O Concello cuantificou a intervención nun tanto alzado de 200.000 euros despois de consultarlle a varias empresas especializadas en traballos que, coma este, requirirán grande solvencia técnica no traballo coa madeira e no coñecemento das solucións existentes en canto a eficiencia enerxética, tendo en conta en todo caso que o resultado final debe ser, en aparencia, un calco da galería actual. “Nas conversas previas que tivemos con persoal técnico da Dirección Xeral Patrimonio indicóusenos que a estrutura, a ornamentación e os materiais utilizados deben axustarse ao orixinal para non desvirtuar todo o conxunto arquitectónico e histórico do pazo”, explica Secundino García.

O alcalde engade que as obras “están en fase de proxecto” atendendo ás condicións patrimoniais e que, neste sentido, os traballos consistirán “nunha rehabilitación integral” que terá a finalidade de “restaurar toda a galería, aproveitando para axeitala aos novos criterios de eficiencia enerxética que axuden a rebaixar o consumo en calefacción”.

A galería do pazo reparouse durante as obras acometidas no inmoble hai case unha década, previas ao traslado da sede consistorial. Naquel momento, e de acordo co orzamento total dispoñible, optouse por unha intervención centrada en conservar os elementos aproveitables e na reconstrución dos máis danados. Porén, o uso intensivo dos últimos anos e a humidade provocaron desperfectos en varios dos ventanais e incluso nas trabes que sustentan a estrutura -apuntaladas recentemente en varios puntos-, razón pola que o Goberno local decidiu que era o momento de solventar as incidencias dunha vez por todas “e con garantía de que a galería quede lista para moitos anos”, asegura Secundino García.

O Executivo agarda dispoñer en breve de toda a documentación técnica para proceder á contratación urxente das obras -unha vez obtida a preceptiva autorización de Patrimonio-, que poderían levarse a cabo durante o verán. Mentres tanto, toda a actividade expositiva prevista trasladarase ao recibidor da Casa da Cultura ou aos locais sociais que hai repartidos polo territorio.